Ana Crismán encabeza o XII Noia Harp Fest, que contará no seu cartel con Rebecca Hill e D’Súpeto, entre outras figuras

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebra a súa duodécima edición do 30 de xullo ao 2 de agosto con figuras destacadas do panorama musical internacional e galego. A andaluza Ana Crismán, considerada a gran mestra da arpa flamenca, regresará ao festival tras a súa participación en 2021, consolidada como unha referencia mundial.
Outro dos pratos fortes será a primeira actuación en España de Rebecca Hill, unha das voces máis relevantes da música escocesa actual, que presentará o seu álbum Thawcrook acompañada do violinista Charlie Stewart, nunha proposta que mestura tradición e innovación con grandes dotes de improvisación.
A escena galega tamén terá protagonismo co debut oficial da banda D’Súpeto, liderada polo arpista monfortino José Álvarez, xunto cos músicos Tonecho Castelos, Diego Barral e Martín Marticonera. O cuarteto ofrecerá un repertorio que alterna pezas tradicionais con composicións propias.
O Noia Harp Fest, organizado por Nalgures Producións e a Asociación Noia Harp Fest, conta co apoio do Concello de Noia, Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña. O festival reúne cada ano solistas e bandas de todo o mundo, unindo músicas ancestrais e contemporáneas cun fío condutor: a arpa.
O evento acollerá tamén o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia e a terceira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. Nesta ocasión, o gañador foi o compositor arxentino Federico Beilinson coa obra Cuatro historias gallegas, que será estreada durante o festival.