Amplíase a exposición de Sorolla no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 7 de abril
O Museo de Belas Artes da Coruña amplia a exposición 'Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia' debido a súa boa acollida desde a súa inauguración, o pasado 23 de novembro. Os galegos terán unha oportunidade máis para achegar a figura do artista ata despois da Semana Santa, pois a mostra estará dispoñible ata o 7 de abril.
O remate da exposición, que estaba previsto para o 10 de marzo, prorrógase un mes máis ante o éxito desta cita en conmemoración do centenario do falecemento do pintor, que xa recibiu máis de 17.000 visitas. Unhas cifras satisfactorias que favorecen o obxectivo da Xunta de Galicia de promover, difundir e poñer en valor a cultura. Os interesados en participar nesta actividade deberán reservar a súa praza a través da páxina web oficial do museo.
A través das súas pinturas faise referenza á estadía de Joaquín Sorolla en Galicia, e complétase con obras dos artistas galegos cos que mantivo unha relación máis estreita como foron Francisco Lloréns, Fernando Álvarez de Sotomayor, María Corredoiro ou Jenaro Carrero. Acompañando á mostra, o Museo de Belas Artes presentou o catálogo que alberga dous ensaios: a presentación do proxecto Sorolla. Viajar para pintar e a explicación do contido da mostra, completándose coa relación catalográfica das preto de 70 obras que compoñen Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia.
Ademais, o Museo de Belas Artes da Coruña, en colaboración co Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla, continuará ofrecendo as visitas guiadas para o público en xeral. Realízanse os venres ás 18,30 horas e os sábados ás 18,00 horas, sendo a última das visitas o sábado 6 de abril.