Amplían as frecuencias dos autobuses que van ás praias de Oleiros no verán

ACoruñaXa
Engádense dúas novas expedicións en cada sentido desde a cidade da Coruña
Imaxe da Praia de Mera en Oleiros
14 Jul 2025

A Xunta acordou ampliar o número de servizos de autobús que comunican as praias de Mera e Canide, en Oleiros, coa cidade da Coruña.

A mellora está vixente desde o pasado luns día 7 de xullo e permanecerá activa ata o final de agosto, polo que permitirá reforzar o aumento de demanda que se produce nos meses de verán.

Os novos servizos funcionan de luns a sábado e engaden dúas expedicións adicionais de ida, con saída de Entrexardíns ás 14,30 e 15,30 horas, e outras dúas de volta desde Mera ás 20,00 e ás 20,35 horas.

En total, e xa incluíndo este reforzo, a conexión entre a parada de Entrexardíns e a praia de Mera inclúe, de luns a venres, un total de 36 servizos de ida e 31 de volta. Os sábados, este enlace ten 19 servizos en dirección Oleiros e 21 cara Coruña, mentres que os domingos conta con 14 en cada sentido.

A creación deste servizo enmárcase nas conversas que a Xunta de Galicia mantivo cos concellos da Área de Transporte Metropolitano da Coruña, e atende unha solicitude presentada polo Concello de Oleiros.

Esta modificación non suporá ningún custe adicional para a administración autonómica xa que se inclúe no prego que regula o contrato Leste da Comarca da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.15780878067017