Alvedro activa un operativo municipal tras un aterraxe de emerxencia dun avión privado

ACoruñaXa
O Concello de Culleredo seguiu a manobra desde distintos puntos e o BNG pide ao Goberno medidas urxentes pola situación laboral na torre de control
CULLEREDO aterrizaje alvedro
8 Feb 2026

Un avión privado obrigou este sábado a activar os protocolos de emerxencia no aeroporto de Alvedro, no termo municipal de Culleredo, despois de declarar unha incidencia en voo. Segundo a información recollida en plataformas de seguimento aeronáutico, a aeronave realizaba a ruta Brest (Francia)–Casablanca (Marrocos) e alertou dun posible problema de presurización, o que motivou un descenso pronunciado antes de tomar terra na Coruña.

O 112 avisou ao alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, arredor das 13.20 horas. O rexedor desprazouse de inmediato ás instalacións do aeródromo xunto coa Policía Local para facer seguimento da operación e coordinarse cos responsables aeroportuarios.

O dispositivo municipal mantivo o control desde diferentes puntos do concello ata o aterraxe, que se produciu ás 13.44 horas. O operativo deu por rematada a intervención sobre as 13.50 horas, unha vez confirmada a normalidade e a seguridade da manobra. Rioboo salientou a coordinación coas autoridades do aeroporto e a comunicación continuada durante toda a incidencia.

A emerxencia chega nun momento no que o Bloque Nacionalista Galego volve poñer o foco na torre de control de Alvedro. O deputado no Congreso Néstor Rego reclamou ao Goberno do Estado que obrigue a concesionaria a reforzar persoal, respectar dereitos laborais e garantir a seguranza aérea, tras reunirse con representantes do colectivo de controladores, que denuncian recortes e sobrecarga de traballo.

O BNG defende, ademais, revisar a privatización do servizo e avanzar cara á recuperación da xestión pública, ao considerar que é a mellor garantía para un funcionamento estable e con condicións dignas.

⚙ Configurar cookies
0.074869871139526