Alumnos do IES Isaac Díaz Pardo de Sada participan no proxecto 'Educando na Biosfera'
A iniciativa 'Educando na Biosfera', promovida pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, botou a andar esta mañá no Concello de Sada coa visita do alumnado de 2º de Bacharelato do IES Isaac Díaz Pardo á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) municipal.
Durante a visita, guiada polo persoal da empresa Viaqua, os e as estudantes puideron coñecer, de primeira man, as diferentes etapas do proceso de depuración ao que se someten as augas residuais antes de ser devoltas ao medio natural tras o seu correspondente tratamento.
Os rapaces puideron indagar sobre determinados hábitos e consellos achega do consumo responsable da auga que todos e todas podemos poñer en práctica no noso día a día. Tamén profundaron nos problemas asociados ao proceso de depuración que xorden como consecuencia de malos hábitos diarios como a vertedura de aceites, tirar restos de alimentos polo vertedoiro ou a eliminación das toalliñas de papel polo inodoro.
A empregada de Viaqua que guiou ao grupo durante a visita respondeu a todas as dúbidas que o alumnado tiña acerca dun proceso vital para unha correcta conservación dos ecosistemas e os espazos naturais.
A iniciativa ‘Educando na Biosfera’ é un proxecto cuxo obxectivo é aproximar concienciar ás novas xeracións sobre cuestións tan importantes como a alimentación saudable e produto de proximidade; arte e patrimonio cultural; fomento da biodiversidade; igualdade e ciencias sociais; natureza e territorio; e cambio climático.
Esta é xa a oitava edición deste programa no Concello de Sada -primeiro que apostou por esta iniciativa- aínda que tamén está consolidado nas comunidades educativas de Abegondo, Bergondo Betanzos, Carral e Miño, que participarán un ano máis na iniciativa.
Está previsto que, durante este curso, máis de 1.700 alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato dos centros educativos destes municipios participen das actividades de ‘Educando na Biosfera’.