Alumnos do CEIP Vila de Rutis en Culleredo participan nunha formación de actuación en emerxencias
A Asociación galega de técnicos de emerxencia, Asgate, e o Concello de Culleredo realizaron este martes unha formación en primeiros auxilios dirixida ao alumnado do colexio Vila de Rutis. En concreto, na actividade participaron 150 estudantes de terceiro a sexto de primaria que recibiron nocións básicas de como actuar ante situacións cotiás de emerxencia.
A iniciativa foi impartida polo voluntariado da asociación, composta por técnicos de emerxencia que traballan a diario nas ambulancias. Desta forma puideron transmitir ao alumnado procedementos que empregan habitualmente.
Entre os coñecementos impartidos, destacan as técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP) e de actuación ante atragoamentos, a chamada manobra Heimlich. Tamén abordaron cuestións como a intervención ante queimaduras e hemorraxias.