Alumnos de Culleredo coñecen dende dentro o funcionamento do Concello
O amplo programa educativo do Concello de Culleredo complementario á actividade docente comezou este luns unha iniciativa achegar o funcionamento da administración local aos nenos. Baixo a denominación de 'Coñece ou teu Concello', a actividade reunirá este mes de abril a 160 escolares de 5º de primaria dos CEIP Vila de Rutis, que se estreou hoxe, Ría do Burgo, Isaac Díaz Pardo, e Sofía Casanova.
A actividade desenvólvese na propia Casa do Concello e cun espírito eminentemente práctico. A idea consiste en propiciar que os nenos coñezan o seu concello a través do xogo.
No salón de plenos móntase a base de operacións da actividade. Divididos en pequenos grupos, os rapaces van percorrendo os distintos departamentos co obxectivo de pescudar determinados datos e procedementos municipais.
Os escolares pasan polo rexistro municipal, Urbanismo, Medio Ambiente, Economía ou Alcaldía. Aprenden trámites como a presentación de solicitudes nos rexistros. Logo reúnense e participan nun Trivial municipal. Seguindo o gran taboleiro creado para o xogo, van participando en probas de preguntas, mímica ou debuxos tratando de adiviñar cuestións sobre as tarefas e funcións dun Concello.
Tamén tiveron a oportunidade de falar co alcalde, José Ramón Rioboo, e coa concelleira de Educación, Cristina Pardo. O rexedor quen non se puido escapar das preguntas dos escolares, interesados en datos por exemplo saber canto custa construír un parque infantil. Durante os seguintes luns de abril seguirán pasando polo consistorio o resto de colexios participantes.