Alumnado dos IES Rego de Trabe e Eduardo Blanco Amor participa nas Xornadas de Orientación

Sabes ao que te queres dedicar profesionalmente? É unha pregunta habitual para os máis novos. O alumnado dos IES Rego de Trabe e Eduardo Blanco Amor viviu unha xornada diferente para orientarse á hora de mirar cara ao futuro da súa traxectoria académica. Os centros acolleron a quinta edición das Xornadas de Orientación, onde os estudantes puideron explorar diferentes opcións formativas para encamiñar a súa carreira educativa.
Un total de 30 entidades montaron o seu posto nas xornadas, entre as que se atopaba o Concello de Culleredo. Participaron universidades, centros de formación profesional, escolas privadas e incluso as Forzas Armadas.
No posto municipal, os estudantes coñeceron os servizos de orientación que o Concello lles pode ofrecer. O CIPAX (área de Xuventude), situado no edificio Pablo Picasso, presta asesoramento en materia de formación e acceso ao emprego. Tamén distribúe información de interese para os mozos, como convocatorias, axudas, concursos, entre outras. O Concello tamén forma parte da rede Europe Direct, unha rede de información xuvenil a nivel europeo.
A primeira tenente de alcalde e concelleira de Xuventude, Cristina Pardo, xunto coa concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, tamén visitaron o posto do Concello nas xornadas. A edila animou aos mozos e mozas a dirixirse ao CIPAX para calquera dúbida ou iniciativa na que teñan interese, para recibir unha "atención personalizada enfocada ás súas necesidades".