Alumnado do IES de Sabón pon en marcha unha cafetería no centro

ACoruñaXa
Esta iniciativa forma parte do seu proxecto aprender facendo un servizo á comunidade
ies-sabon-arteixo
13 Out 2024

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou o IES de Sabón, na localidade coruñesa de Arteixo, onde asistiu á posta en marcha dunha aula-cafetería por parte do alumnado do ciclo de FP Básica de Cociña e restauración. Este novo espazo enmárcase no proxecto de innovación deste centro baseado na metodoloxía de aprender facendo un servizo á comunidade.

Deste xeito, o alumnado vai ofrecer o servizo de cafetería ao resto da comunidade educativa durante o período de recreo. Esta experiencia serviralles para aprender todas as fases deste proceso de restauración, desde a organización á prestación do servizo, pasando pola preparación, o aprovisionamento e, como parte do proceso de ensino-aprendizaxe, a análise das posibles melloras para a súa adecuación ao contexto do centro educativo.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou a utilidade deste tipo de experiencias para poñer de relevancia a conexión dos ciclos formativos coas situacións reais que se producen no mercado de traballo. Ademais, destacou a importancia da FP Básica como vía para promover a permanencia do alumnado no sistema educativo, favorecendo a diminución do abandono educativo temperá.

Durante a súa visita, a directora xeral tamén coñeceu outras instalacións do centro orientadas a achegar ao alumnado á realidade do mundo laboral, como a oficina de simulación empresarial ou o rocódromo e a vía ferrata cos que contan os estudantes dos ciclos de Actividades físico deportivas.

0.15926384925842