Alternativa reclama ao Consorcio As Mariñas cambios no servizo de recollida de lixo en Carral

O grupo municipal Alternativa dos Veciños de Carral volveu poñer o foco no servizo de recollida de lixo e vén de presentar unha reclamación dirixida ao Consorcio As Mariñas, entidade supramunicipal que presta servizos de xestión de residuos en varios concellos da comarca, entre eles Carral.
Segundo explica Alternativa, o escrito busca que se dean por cumpridas demandas trasladadas pola veciñanza e que, sosteñen, xa foran formuladas durante o seu mandato. Ao tempo, o grupo insta ao goberno municipal a adoptar as medidas necesarias para mellorar un servizo que consideran clave pola súa incidencia directa na hixiene e na seguridade dos espazos públicos.
Entre as actuacións reclamadas figura a instalación de contedores específicos para a recollida de aceite doméstico usado en todas as parroquias, unha liña que encaixa coa recollida selectiva deste residuo que promove o propio Consorcio.
A formación tamén solicita a retirada dos contedores soterrados na zona do Campo da Feira de Paleo e a creación dunha 'illa' de contedores en superficie nun emprazamento pactado co Concello e que afecte o mínimo posible á veciñanza. Ademais, pide colocar amarres e bases de cemento para evitar desprazamentos e incidentes, incrementar o servizo de limpeza dos colectores e mellorar así as condicións de hixiene e salubridade.
Outro dos puntos recollidos na reclamación é aumentar a frecuencia semanal de recollida en todas as parroquias, reforzando o servizo no verán e durante as festas parroquiais. A maiores, Alternativa reclama a substitución ou reparación dos contedores de pedal na parroquia de Paleo.
Desde Alternativa dos Veciños de Carral remarcan que 'seguimos traballando para acadar servizos públicos máis eficientes, seguros e de calidade, sempre ao carón da veciñanza'.