Alternativa esixe un plan urxente para desbloquear as subvencións ás asociacións de Cambre

ACoruñaXa
O grupo municipal alerta da situación límite de entidades históricas como a Escola de Música Sementeira e o Club Ciclista Cambre e levará ao Pleno a creación dun ente de participación política e social
Imaxe da casa do Concello en Cambre
24 Oct 2025

Alternativa reclamou unha solución inmediata á situación das subvencións municipais pendentes de pago en Cambre e amosou publicamente o seu apoio ás máis de corenta asociacións veciñais, culturais e deportivas que denunciaron os atrasos acumulados nos últimos catro exercicios. O grupo municipal advirte de que hai entidades 'nun punto límite', sinalando expresamente a Escola de Música Sementeira e o Club Ciclista Cambre, e alerta de que está en risco a continuidade de proxectos con décadas de traballo no municipio.

'É unha pena que a unión das asociacións veña motivada por algo tan grave', sinalou o portavoz de Alternativa, Raúl Varela, que ao mesmo tempo puxo en valor 'a forza e o compromiso' do tecido asociativo local, ao que definiu como 'o verdadeiro motor social de Cambre'. Alternativa subliña que detrás desta crise non hai só contabilidade: hai actividades culturais, servizos educativos e deporte de base que se poden perder se non se actúa con rapidez.

O grupo fai un chamamento á responsabilidade de todas as partes, lembrando que se trata dun problema que leva enquistado catro anos e que non se resolve en dous meses, pero insiste en que xa non é sostible prolongalo máis. Por iso, Alternativa considera imprescindible 'desbloquear Cambre' e reclama que o Concello poña calendario de pagos enriba da mesa e garanta un mínimo de estabilidade ás entidades.

Como vía de saída, Alternativa avanza que levará ao próximo Pleno municipal unha proposta para crear un ente permanente de participación política e social. O obxectivo, explican, é darlle transparencia á xestión de convenios e subvencións, abrir un espazo estable de diálogo co asociacionismo e evitar que se repitan bloqueos que, ao seu ver, están a afectar o funcionamento normal do Concello.

⚙ Configurar cookies
0.075617074966431