Alternativa Enxebre bota a andar en Arteixo da man da concelleira non adscrita Noelia Martínez

Alternativa Enxebre vén de facer público o seu proxecto político en Arteixo arroupando a figura de Noelia Martínez Canosa, concelleira non adscrita e voceira da nova formación no pleno municipal. A agrupación presume de contar cun equipo composto integramente por veciños e veciñas do municipio, que levan anos impulsando iniciativas en defensa do interese xeral de Arteixo.
Martínez é empregada pública no Servizo Galego de Saúde, onde leva máis dunha década traballando na unidade de coidados intensivos, e ten unha longa traxectoria na política local. Foi voceira e candidata á alcaldía por Alternativa dos Veciños en Arteixo, formación coa que se presentou ás eleccións municipais e da que se desvinculou no verán por discrepancias coa dirección do partido, pasando ao grupo de concelleiros non adscritos.
Desde 2019, o grupo de persoas que agora conforman Alternativa Enxebre en Arteixo asegura ter desenvolvido un traballo constante, tanto na rúa como nas institucións, que se traduciu en distintas melloras para o concello. Entre elas sinalan a eliminación de verteduras de augas residuais na ría de Barrañán, unha vella reclamación da veciñanza das parroquias costeiras; a regularización da granxa porcina de Lañas; ou a paralización de varios proxectos eólicos que, segundo defenden, poñían en risco o patrimonio natural e as propiedades particulares do municipio.
No ámbito dos servizos públicos, a agrupación destaca xestións que terían contribuído á ampliación de persoal sanitario nos centros de saúde do concello e á mellora das condicións do servizo de lectura dos contadores de consumo de auga. Tamén subliñan actuacións de mellora nas instalacións de centros educativos e nas súas contornas, así como no servizo de comedor escolar, en resposta a demandas trasladadas por familias e equipos directivos.
Outra liña de traballo salientada por Alternativa Enxebre é o mantemento e posta a punto de espazos públicos. O grupo reivindica o impulso á reparación e conservación de pistas multideporte, parques infantís e circuítos biosaudables, así como o arranxo de vías municipais en diferentes núcleos e parroquias. Engaden, ademais, melloras nos accesos a determinados lugares de poboación e actuacións en materia de seguridade viaria e peonil.
Desde a agrupación insisten en que moitas destas actuacións foron reclamadas durante décadas polos veciños e veciñas de Arteixo e que, grazas á presión social e ao traballo político desenvolvido nesta última etapa, hoxe son xa unha realidade. Ao tempo, aseguran que a creación de Alternativa Enxebre responde á vontade de seguir defendendo un modelo de administración local máis transparente, participativa e centrada nas necesidades cotiás da cidadanía.
Os membros de Alternativa Enxebre de Arteixo avanzan que continuarán traballando con tesón, forza e ilusión para impulsar novos proxectos e seguir mellorando a calidade de vida no municipio. A concelleira Noelia Martínez mantén que o seu compromiso segue sendo o mesmo: representar no pleno a voz de quen, día a día, lle traslada preocupacións e propostas desde os distintos barrios e parroquias de Arteixo.