Alternativa dos Veciños reclama ampliar a protección BIC no Museo Carlos Maside

ACoruñaXa
A formación denuncia que a protección queda limitada e non abarca o complexo industrial e cultural de Cerámicas do Castro
museo-carlos-maside-sada
1 Aug 2025

Alternativa dos Veciños súmase á reivindicación para ampliar a protección do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, recentemente declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia. A declaración afecta tanto ao edificio como á colección de obras de arte, pero desde esta formación denuncian que a protección queda limitada e non abarca o complexo industrial e cultural de Cerámicas do Castro, unha parte fundamental do proxecto cultural impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

“A protección actual limita á singularidade do museo e omite a parte industrial, arquitectónica e cultural que conforma un todo histórico e simbólico da memoria galega”, sinala Alternativa dos Veciños, que se suma a máis de 30 entidades que preparan un manifesto para recoller sinaturas e esixir que o recoñecemento BIC se estenda a todo o complexo.

Segundo destacan, “estender a declaración BIC a todo o complexo de Cerámicas do Castro permitiría un recoñecemento e preservación coherente da obra integral destes dous grandes referentes da cultura galega”. O museo é “moito máis que un simple edificio e un conxunto de obras de arte: o complexo enteiro representa unha iniciativa que pretendía reconectar á sociedade galega coas experiencias artísticas previas á Guerra Civil, dando a coñecer o universo cultural que ficou silenciado durante tantos anos e do que tan pouco se sabía”.

Por outra banda, Alternativa dos Veciños expresa o seu rexeitamento á intención da Xunta de cambiar o nome orixinal do museo, que pasaría a chamarse Museo de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside. “Isto desvirtúa o nome orixinal co que foi concibido, recoñecido e co que se solicitou a súa declaración BIC”, apuntan.

Desde Alternativa dos Veciños reiteran o seu compromiso coa defensa da memoria histórica e a identidade cultural galega, asegurando que “seguiremos traballando pola preservación da memoria histórica e da identidade cultural da nosa terra”.

⚙ Configurar cookies
0.18005299568176