Alternativa dos Veciños pide á Deputación instar a financiar a ampliación da Ponte da Pasaxe

ACoruñaXa
A formación presenta unha moción para incluír a obra nos orzamentos do Estado ante o colapso viario da comarca coruñesa
aavv-congreso
1 May 2025

Alternativa dos Veciños presentou na Deputación da Coruña unha moción para reclamar ao Goberno central que inclúa nos próximos orzamentos xerais do Estado os fondos necesarios para a contratación das obras de ampliación da Ponte da Pasaxe, ou ben que incremente as partidas plurianuais xa recollidas nos orzamentos de 2023.

A formación subliña que “a mobilidade é o principal problema da comarca da Coruña, a máis importante de Galicia”, e denuncia o deficiente servizo de transporte público así como “a incapacidade das infraestruturas viarias” para dar resposta á realidade de desprazamentos diarios na área metropolitana. “Converten os accesos á cidade e os desprazamentos aos polígonos en ratoneiras nas que se producen continuos colapsos circulatorios, con constantes perdas de tempo e prexuízos para as economías persoais e empresariais”, recollen na súa proposta.

Desde Alternativa dos Veciños insisten na importancia de actuar con urxencia ante a apertura do túnel de Sol y Mar e a próxima ampliación da avenida Alfonso Molina, que deixan á Ponte da Pasaxe como “o tapón intermedio para o tráfico”. Segundo lembran, pola infraestrutura circulan máis de 90.000 vehículos a diario procedentes de municipios como Oleiros, Cambre, Sada, Betanzos ou Bergondo. “Coa ampliación da ponte remataríase con grande parte dos atascos que se producen na comarca e tamén permitiría a creación das conexións peonís e ciclistas entre Oleiros, A Coruña e Culleredo para fomentar unha mobilidade sostible e saudable”.

A moción tamén incide na necesidade de que a Xunta de Galicia mellore o transporte público como medida complementaria para reducir o uso do vehículo privado. Ao tempo, lembran outras infraestruturas viarias pendentes de execución, como o vial 18, a cuarta ronda ou a vía Ártabra.

Finalmente, Alternativa dos Veciños critica a falta de avances por parte dos deputados e deputadas coruñeses no Congreso, comparando a situación coa de Vigo: “Di moito dos deputados e deputadas coruñeses no Congreso que en Vigo finalizasen a obra de ampliación na ponte de Rande no 2017 —cun nivel de tráfico moi inferior ao da ponte da Pasaxe— e que na Coruña sigamos á espera de que se contrate esta obra, para a que o proxecto está aprobado desde o 2023 sen existencia de noticia algunha sobre a súa posible contratación”.

 

⚙ Configurar cookies
0.15531802177429