Alternativa dos Veciños insta á Xunta a reactivar a conexión da Vía Ártabra coa AP-9

ACoruñaXa
Segundo a formación esta infraestrutura permitiría “aliviar o tráfico de forma xeral na rede viaria metropolitana"
via-artabra
11 Jun 2025

Alternativa dos Veciños levará aos plenos municipais dos concellos de Cambre, Culleredo, Sada, Bergondo, Arteixo, Oleiros e A Coruña unha moción para reclamar á Xunta de Galicia a contratación inmediata das obras de conexión da Vía Ártabra coa AP-9, paralizadas desde hai máis de catro anos. O texto que se pretende debater nestes concellos xa foi aprobado na Deputación da Coruña.

Nos municipios nos que Alternativa dos Veciños conta con representación —Cambre, Culleredo, Bergondo, Oleiros e Arteixo— serán os seus concelleiros e concelleiras quen presenten directamente a proposta. No caso de A Coruña e Sada, o documento será rexistrado por vía oficial, pedíndolle aos gobernos locais a súa tramitación dada “a importancia que ten a Vía Ártabra para o tráfico comarcal”.

Desde a formación insisten en que a comarca da Coruña sofre un “importante déficit de infraestruturas viarias, así como de medios de transporte público, axustados ás necesidades reais de mobilidade de cidadanía e empresas”. Nese contexto, lembran que a Vía Ártabra está chamada a ser “a gran circunvalación da comarca coruñesa que dará servizo a concellos e polígonos industriais de Cambre, Bergondo, Sada, Oleiros, Culleredo, Arteixo e A Coruña”, facilitando conexións directas coa AP-9, a A-6 e outras vías principais.

Segundo Alternativa dos Veciños, esta infraestrutura permitiría “aliviar o tráfico de forma xeral na rede viaria metropolitana, desconxestionando especialmente a Costa da Tapia en Cambre, a estrada da costa de Sada e Oleiros e a ponte da Pasaxe”.

A formación critica que a primeira fase da Vía Ártabra —entre o porto de Lorbé e a AP-9— xa podería estar finalizada de non ser pola paralización decretada tras unha sentenza xudicial motivada por erros administrativos do anterior Goberno autonómico bipartito. “Pasados xa máis de 4 anos desa sentenza xudicial, non se entende que a Xunta de Galicia continúe sen reiniciar os trámites para retomar a obra”, denuncian.

Alternativa dos Veciños advirte de que “intereses persoais de representantes políticos de Cambre, mentalidades localistas, cálculos electoralistas ou discursos demagóxicos dalgúns grupos políticos non poden frear durante máis tempo unha infraestrutura supramunicipal clave para o progreso da comarca da Coruña no seu conxunto”, especialmente “co grave problema de mobilidade existente na área metropolitana máis importante de Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.19759917259216