Alternativa dos Veciños denuncia o bloqueo da Vía Ártabra e reclama o seu reinicio inmediato

ACoruñaXa
A circunvalación conectaría os concellos e polígonos industriais de Cambre, Bergondo, Sada, Oleiros, Culleredo, Arteixo e A Coruña
via-artabra
20 May 2025

Alternativa dos Veciños volve poñer o foco na situación de déficit de infraestruturas viarias e de transporte público na comarca da Coruña, unha realidade que, segundo denuncian, "non responde ás necesidades reais de mobilidade da cidadanía e das empresas".

Entre as actuacións pendentes que consideran clave para mellorar a situación actual, destacan a Vía Ártabra como a infraestrutura "máis transversal" para a comarca. Esta gran circunvalación conectaría directamente os concellos e polígonos industriais de Cambre, Bergondo, Sada, Oleiros, Culleredo, Arteixo e A Coruña, enlazando ademais coa AP-9, a A-6 e outras vías principais.

Desde Alternativa dos Veciños sinalan que a Vía Ártabra contribuiría a aliviar o tráfico na rede viaria metropolitana, desconxestionando puntos críticos como a Costa da Tapia en Cambre, a estrada da costa de Sada e Oleiros, e a ponte da Pasaxe.

A formación lembra que a primeira fase da vía, entre o porto de Lorbé e a AP-9, podería ser xa unha realidade "de non ser polo anterior Goberno de Cambre, que atopou un subterfuxio legal para que a xustiza paralizase a obra por erros administrativos cometidos polo Goberno autonómico bipartito".

Pasados máis de catro anos desde aquela sentenza xudicial, critican que a Xunta de Galicia "continúe sen reiniciar os trámites para retomar a obra". Alternativa dos Veciños advirte de que "intereses persoais de representantes políticos de Cambre, mentalidades localistas, cálculos electoralistas ou discursos demagóxicos dalgúns grupos políticos" non poden seguir freando unha infraestrutura que consideran "clave para o progreso da comarca da Coruña", especialmente tendo en conta o grave problema de mobilidade que afecta á área metropolitana máis importante de Galicia.

 

⚙ Configurar cookies
0.19914102554321