Alternativa dos Veciños de Oleiros denuncia os atrancos das empresas enerxéticas

ACoruñaXa
Presenta unha moción na Deputación para instar ao Estado e á Xunta a frear os abusos de empresas como Naturgy ou Telefónica
aavv-oleiros
30 Apr 2025

Alternativa dos Veciños de Oleiros reclama que o Estado e a Xunta de Galicia poñan freo á capacidade das grandes empresas de telefonía e enerxía para bloquear ou atrasar obras públicas en base aos seus propios intereses. A formación presentará unha moción no próximo pleno da Deputación da Coruña para demandar cambios legais urxentes que impidan que compañías privadas con actuacións monopolísticas poidan paralizar actuacións impulsadas polas administracións.

A iniciativa nace da preocupación polo impacto que están a ter estas prácticas en concellos como Oleiros, onde a veciñanza e o tecido económico ven afectados os seus dereitos e actividades pola inacción ou as trabas destas empresas. Alternativa dos Veciños denuncia que a falta de resposta, os retrasos arbitrarios e as esixencias económicas por parte de empresas como Naturgy ou Telefónica están a xerar "prexuízos gravísimos" tanto para as administracións como para a cidadanía.

Un dos exemplos máis recentes sinalados pola formación é o da avenida de Santa Cristina, onde Naturgy pretende cobrar á Deputación uns traballos xa executados pola empresa concesionaria, provocando un bloqueo indefinido da obra. Esta situación está a afectar gravemente á hostalería e ao comercio da zona, ademais de prolongar as molestias para os veciños.

Alternativa alerta de que a privatización de servizos básicos como a luz ou o teléfono non só dificulta as xestións administrativas, senón que afecta tamén a obras privadas ou reformas particulares, onde comunicarse con estas compañías ou obter autorizacións é "unha odisea".

Con esta moción, Alternativa busca que se garanta o interese público por riba do lucro empresarial e que as obras promovidas por concellos, deputacións ou outras entidades non queden á mercé de decisións unilaterais de empresas privadas. "É hora de que se regule un problema que leva anos lastrando a xestión pública e a vida da xente", conclúen.

 

⚙ Configurar cookies
0.14352583885193