Alternativa dos Veciños de Culleredo insta a desbloquear o Plan Xeral tras 17 anos de espera

ACoruñaXa
Unha carencia que, segundo o grupo, está a provocar dificultades para o desenvolvemento urbanístico sostible do concello
Casa do Concello de Culleredo
16 Jun 2025

Alternativa dos Veciños volve poñer o foco sobre a situación urbanística de Culleredo, denunciando que o municipio continúa sen contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado, unha carencia que, segundo o grupo, está a provocar incerteza legal entre a veciñanza e dificultades para o desenvolvemento urbanístico sostible do concello.

A formación critica que, malia terse iniciado a tramitación do Plan Xeral en 2008 e aprobado inicialmente en 2013, "12 anos despois se teña coñecemento do porqué non se aproba". A ausencia dun PXOM actualizado impide que moitas licenzas de edificación estean plenamente avaladas legalmente, xa que o planeamento vixente resulta "obsoleto" desde a entrada en vigor da nova Lei do Solo da Xunta de Galicia en 2016, que esixe a redacción e aprobación dun novo plan adaptado á normativa autonómica.

Un dos casos concretos que pon sobre a mesa Alternativa dos Veciños é o dos terreos da Cross, declarados Ben de Interese Cultural (BIC), que o Concello pretende recalificar como cesión obrigatoria dentro dun plan parcial, "sen cobertura legal", segundo afirman.

Dende a formación esixen que o Goberno local retome de inmediato a tramitación do Plan Xeral, paralizado no caixón desde hai 17 anos. "A veciñanza e o colectivo de empresarios de Culleredo non pode agardar máis!", reclaman, alertando de que a parálise urbanística está a frear proxectos, inversións e garantías básicas para os propietarios de parcelas e fincas no termo municipal.

Alternativa dos Veciños insta así ao executivo municipal a deixar de lado as escusas e a priorizar a aprobación definitiva do PXOM como ferramenta clave para o desenvolvemento ordenado, seguro e legal de Culleredo.

⚙ Configurar cookies
0.16964983940125