Alternativa dos Veciños de Culleredo esixe recursos habitacionais para vítimas de violencia de xénero

ACoruñaXa
A formación política instará ao Goberno local a cumprir cos compromisos adquiridos no Plan de Igualdade
pleno_pos-culleredo
19 Mar 2025

Alternativa dos Veciños de Culleredo presentará no próximo Pleno municipal unha moción para demandar que o Concello de Culleredo dispoña de recursos habitacionais de urxencia destinados a vítimas de violencia de xénero. A formación considera urxente que se cumpran os compromisos recollidos no Plan de Igualdade Municipal, aprobado en outubro de 2024.

A iniciativa xorde tras un caso recente no que unha veciña do municipio, con menores a cargo e vítima de violencia de xénero, precisou dun aloxamento de urxencia. Sen alternativas no propio concello, a solución chegou grazas á colaboración do Concello de Oleiros, que puxo á súa disposición recursos habitacionais.

Desde Alternativa dos Veciños denuncian que esta situación pon en evidencia o incumprimento do Plan de Igualdade, que establece a necesidade de asinar convenios con hoteis e hostais para garantir aloxamento de emerxencia. Ademais, o plan tamén contempla a incorporación da Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral Estatal nos casos de violencia de xénero, unha medida que aínda non se fixo efectiva.

A formación política instará ao Goberno local a tomar medidas inmediatas para dispoñer dun servizo de aloxamento de urxencia e a cumprir cos compromisos adquiridos no Plan de Igualdade. Así mesmo, esixirán a adhesión da Policía Local ao protocolo estatal para mellorar a protección e seguimento das vítimas de violencia machista en Culleredo.

⚙ Configurar cookies
0.47254014015198