Alternativa dos Veciños de Culleredo defende destinar fondos do POS ao rural

Alternativa dos Veciños de Culleredo aposta por dirixir o financiamento procedente do Plan Único de Concello cara ás parroquias das zonas rurais, respondendo así ás demandas da veciñanza, que percibe un agravio comparativo entre os investimentos no ámbito urbano e no rural.
Tras recibir o listado de obras que podían optar ao POS, a formación manifestou a súa preferencia por actuacións como o saneamento da parroquia de Boedo, a rehabilitación de pavimentos e mellora de servizos en estradas de Almeiras, a finalización do acondicionamento das rúas de Tarrío, o arranxo do pavimento en Castro Laxe e a rehabilitación das rúas Río Chan e Canceán, esta última unha petición reiterada nos plenos municipais.
Alternativa comprométese a seguir traballando para impulsar outras propostas xa formuladas polo grupo municipal e para lograr que o saneamento sexa unha realidade en todas as parroquias do concello.