Alternativa dos Veciños de Culleredo considera fundamental contar cunha ordenanza de talas

ACoruñaXa
Co fin de regular a protección, conservación e mellora do arborado coa plantación de especies autóctonas
tala-arbores
19 Feb 2025

Alternativa dos Veciños considera fundamental regular a protección, conservación e mellora do arborado no municipio de Culleredo, priorizando a plantación de especies autóctonas en lugar de especies invasoras. A proposta tamén busca compaxinar a actividade madeireira coa protección do arborado existente. No pasado mes de xaneiro, o alcalde recoñeceu no pleno que non existe unha regulación municipal que aborde este aspecto.

Con isto en mente, Alternativa presentará no próximo pleno unha moción para a creación dunha ordenanza que regule a protección, conservación e mellora do arborado no termo municipal, destacando a importancia de substituír as especies invasoras por especies autóctonas, conforme as disposicións da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e a Lei 7/2012 de montes de Galicia. A moción tamén incluirá a creación dun Fondo municipal de conservación do arborado e a regulación da actividade forestal, co obxectivo de garantir o cumprimento das obrigacións legais e mellorar a xestión da biomasa.

A ordenanza proposta regularía, entre outras cuestións, o uso do espazo público municipal pola actividade forestal, establecendo responsabilidades durante as operacións de tala e saca de madeira para asegurar a protección do entorno, a paisaxe e os bens municipais. Tamén se abordaría a seguridade viaria e a prevención contra incendios forestais, así como os danos que poden derivarse destas operacións.

Un aspecto clave da proposta é a xestión da biomasa vexetal e a retirada das árbores pertencentes a especies sinaladas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra incendios forestais. Tamén se contemplaría a protección, conservación e mellora do arborado público e privado do municipio, fomentando as especies autóctonas e regulando as plantacións, repoboacións, transplantes e podas drásticas de arborado.

Por último, a moción inclúe a creación de instrumentos xurídicos de intervención e control, así como un réxime sancionador para garantir a defensa e protección do arborado no municipio de Culleredo.

0.10733389854431