Alternativa dos Veciños de Culleredo apoia as demandas de nais e pais ante o estado do Conservatorio

ACoruñaXa
A ANPA do centro alertou sobre o estado do edificio, que presenta goteiras e falta de calefacción
conservatorio-culleredo
13 Feb 2025

Alternativa dos Veciños de Culleredo trasladan que están traballando ante a situación do Conservatorio de Profesional de Música de Culleredo polas demandas da ANPA do centro, que alerta sobre o estado do edificio, que presenta goteiras e falta de calefacción.

“Estudar música nesas condicións de precariedade faise difícil, polo que as nais e pais piden que se realicen os labores de mantemento necesarios para corrixir as graves deficiencias que presenta a instalación”, declarou recentemente Thais Palla.

Tamén se pide desde Alternativa que a Xunta coopere na financiación do mantemento para que non supoña unha carga unicamente municipal.

Segundo denuncian nais e pais, as fugas de auga son constantes “e non se poden paliar coa colocación estratéxica de cubos e cartóns polos corredores e nas aulas, o que implica un risco elevado de escorregamentos e caídas ao mesmo nivel”. O tellado acumula auga co perigo de desprendemento dos paneis superiores do teito, o que implica riscos para as persoas.

Ademais, cada vez aparecen máis fendas nos teitos e paredes, as fiestras filtran auga e hai que colocar cartóns para evitalo, os problemas de humidade son constantes e a humidade e filtracións de auga sumadas á falla de calefacción “fan que o ambiente nas aulas e corredores sexa inseguro e insalubre para o alumnado e o profesorado, a maiores de poder constituír dificultades de concentración e rendemento”.

0.16922688484192