Alternativa dos Veciños de Carral destaca a reactivación de vivendas paralizadas

Alternativa dos Veciños de Carral atribúe ás xestións do alcalde Javier Gestal a reactivación de máis de 240 vivendas que quedaron paralizadas e a medio construír tras a crise inmobiliaria de 2008. Segundo a formación política, grazas ás facilidades dadas polo rexedor á SAREB (o banco malo creado polo Goberno central), estas vivendas están sendo adxudicadas a distintos promotores e postas á venda a prezos que oscilan entre os 100.000 e os 175.000 euros, dependendo da súa superficie.
Alternativa dos Veciños destaca que Carral conta cunha boa comunicación coa cidade da Coruña e cos polígonos industriais da contorna, polo que a ocupación destas vivendas suporá un impulso para o comercio local e a vida social do municipio, ademais de incrementar os recursos económicos do Concello.
A formación sinala que esta actuación contribúe a reverter a situación de degradación urbana xerada pola crise e supón unha oportunidade para a dinamización económica e residencial da vila.