Alternativa dos Veciños de Cambre propón crear unha comisión xestora ante a falta de acordo

Alternativa dos Veciños de Cambre, ante a imposibilidade de que ningún candidato ou candidata consiga a maioría necesaria na sesión de investidura para a alcaldía, propón a creación dunha comisión xestora que se encargue da xestión do Concello ata as próximas eleccións. Esta comisión estaría composta por representantes de todos os partidos políticos e terá como obxectivo pactar as cuestións xerais máis importantes para desbloquear o funcionamento dos servizos públicos, así como reactivar a actividade social, cultural e deportiva do municipio.
Alternativa dos Veciños deixa claro que manterá a man tendida para formalizar calquera pacto que beneficie á cidadanía de Cambre, sinalando que calquera outra solución cun goberno en clara minoría só afondaría nos problemas actuais. Desde a formación consideran que os veciños e veciñas non poden seguir sufrindo as consecuencias da falta de entendemento e intereses entre os representantes políticos.
En relación á situación actual, Alternativa dos Veciños lembrou que PSOE e BNG, como socios de goberno en diferentes áreas de xestión, tamén son responsables da situación á que se chegou, xunto con UxC. A formación insiste na necesidade de buscar solucións e non obstáculos, advertindo que de seguir nesta liña, os grandes afectados serán o pobo de Cambre, os traballadores municipais, as obras públicas e as empresas de servizos e subministracións.
Alternativa dos Veciños tamén denunciou as irregularidades que se viñan cometendo nos últimos tempos, as cales foron confirmadas recentemente. A formación tamén remarcou que, a pesar de comprometerse a colaborar no reactivamento da actividade do Concello tras o cambio na alcaldía, a actitude destrutiva do PP, PSOE e BNG impediu ese proceso, provocando graves consecuencias que, segundo Alternativa dos Veciños, son coñecidas pola opinión pública.