Alternativa dos Veciños de Bergondo solicita á Xunta a creación dunha residencia para maiores

ACoruñaXa
O grupo político suxire unha posible localización para o equipamento: a parcela e edificio do antigo Ligal en Bos (Guísamo)
maiores-recurso
8 May 2025

Alternativa dos Veciños de Bergondo destaca que o municipio ten unha necesidade urxente de prazas en residencias para persoas maiores e ve no recente anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha oportunidade clave para avanzar nesa dirección.

A finais de abril, Rueda anunciou no Parlamento de Galicia a creación de 24 novas residencias para maiores en municipios de menos de 50.000 habitantes ao longo da presente lexislatura. Ante esta nova, Alternativa dos Veciños de Bergondo entende que se abre unha vía importante para que o municipio poida contar cun equipamento fundamental para a atención das persoas maiores.

Co obxectivo de aproveitar esta oportunidade, o grupo político levará ao próximo pleno da corporación municipal —previsto para o 29 de maio— unha proposta para solicitar formalmente á Xunta de Galicia que estude a creación dunha desas residencias no termo municipal de Bergondo.

Ademais, desde Alternativa dos Veciños suxiren unha posible localización para o futuro equipamento: a parcela e edificio do antigo Ligal en Bos (Guísamo), actualmente en estado de ruína e xa propiedade da Xunta de Galicia. A formación considera que se trata dunha ubicación axeitada para unha instalación destas características, tanto pola súa situación como pola proximidade cos concellos veciños de Sada e Cambre. Segundo informou a propia Xunta, serán priorizados aqueles emprazamentos que se atopen en zonas limítrofes entre concellos.

Para Alternativa dos Veciños, a iniciativa supón unha oportunidade real para mellorar os servizos sociais do municipio e responder ás necesidades dunha poboación en proceso de envellecemento.

⚙ Configurar cookies
0.15766215324402