Alternativa dos Veciños de Bergondo insta a mellorar a obra da N-6 en Guísamo

ACoruñaXa
Desde o partido sinalan que importantes elementos previstos inicialmente no proxecto foron suprimidos
ber-guisamo
28 Apr 2025

Alternativa dos Veciños de Bergondo vén de denunciar as múltiples deficiencias detectadas na obra de mellora da N-6 ao seu paso por Guísamo, unha actuación promovida polo Ministerio de Fomento que, segundo indican, a piques de cumprir 32 meses en execución, segue sen estar rematada.

Desde Alternativa critican que o proxecto definitivo non foi comunicado ao Concello, e sinalan que importantes elementos previstos inicialmente, como a construción de beirarrúas nun tramo perigoso xunto a un restaurante, foron suprimidos, aumentando o risco para peóns e dificultando o acceso ao establecemento.

Tamén lamentan outros problemas de seguridade e mobilidade, como a brusquidade na saída dun camiño municipal, a ausencia de pasos de peóns nunha ampla zona afectada pola rotonda principal e o pintado da vía que complica o acceso a negocios locais. Denuncian, ademais, que a zona da glorieta e os illotes adxacentes se converteron nun "deserto de formigón" sen ningunha medida de humanización nin arborado.

Outro dos puntos críticos é a ubicación da parada de autobús directamente nun carril de subida, o que, segundo Alternativa, pode provocar accidentes. Igualmente, critican a forte presenza de muros de formigón en zona urbana, que consideran un impacto negativo sobre a paisaxe.

Alternativa dos Veciños insta a Fomento e á dirección da obra a revisar todas estas cuestións e adoptar medidas correctivas urxentes, lembrando que un investimento tan importante non pode deixar atrás a seguridade nin a integración urbana.

⚙ Configurar cookies
0.16695594787598