Alternativa dos Veciños de Arteixo solicita solucións urxentes para o comedor do CEIP de Galán

ACoruñaXa
A concelleira, Noelia Martínez Canosa, responde ás preocupacións trasladadas por pais e nais do alumnado actual
arteixo-colexio
26 Feb 2025

A concelleira de Alternativa dos Veciños de Arteixo, Noelia Martínez Canosa, levará ao pleno municipal unha solicitude dirixida ao equipo de Goberno para que se reúna coa dirección do CEIP de Galán e busque solucións conxuntas coa Xunta de Galicia ante a problemática de insuficiencia de prazas no comedor escolar para o vindeiro curso 2025-2026.

Esta petición responde ás preocupacións trasladadas por pais e nais do alumnado actual e de novos estudantes inscritos para o próximo curso, quen foron informados pola dirección do centro das limitacións no servizo de comedor. "É fundamental tratar esta cuestión antes do período de formalización de matrícula, xa que de non ser así afectaría a conciliación de numerosas familias", subliñou Martínez Canosa.

A concelleira lembrou que "esta mesma problemática xa se deu no curso 2023-2024, cando tamén solicitei ao equipo de Goberno que actuase con previsión. A Concellería de Educación debe atender as demandas das ANPAs e das direccións dos centros educativos antes de que comece o novo curso escolar".

Martínez Canosa destacou que as familias non poden afrontar cada ano a mesma incerteza, instando tanto á Concellería de Educación do Concello de Arteixo como á da Xunta de Galicia a dar resposta a unha situación que incide directamente na calidade de vida das nenas e nenos e na conciliación das súas familias.

"Espero que o rogo sexa atendido, que o Concello traslade esta situación á Xunta e que se acheguen solucións concretas para evitar que esta problemática se repita", concluíu a concelleira.

⚙ Configurar cookies
0.074959993362427