Alternativa dos Veciños de Arteixo demanda a mellora da atención pediátrica no municipio
Alternativa dos Veciños de Arteixo solicitará á Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee que estude a posibilidade de que un ou unha dos pediatras do Centro de Saúde de Arteixo, pase a consultar no Centro de Saúde de Vilarrodís, xa que así a veciñanza do concello tería unha atención sanitaria de maior calidade. Tamén solicitan dun ou unha pediatra para o Punto de Atención Continuada de Arteixo.
O centro de Vilarrodís disporía dunha sala propia e habilitada para o servizo de pediatría e, tamén axudaría a desconxestionar o Centro de Saúde de Arteixo, a mellorar a atención en Vilarrodís e a evitar a alternancia do servizo de pediatría nos centros de saúde de Meicende e Vilarrodís.
Esta moción preséntase ao pleno municipal que se celebrará o vindeiro 29 de febreiro. Non é a primeira vez que Aternativa pon voz no pleno a esta demanda veciñal, pois xa en 2021 reclamaron estas melloras e incluso chegaron a recoller case mil sinaturas para que mellorase a atención pediátrica.
Di a moción que “desde Alternativa dos Veciños, presentamos, durante o pasado mandato, diferentes solicitudes tanto ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia como ante o SERGAS para demandar melloras no servizo de pediatría.
A día de hoxe, os centros de saúde de Vilarrodís e Meicende seguen a compartir o servizo de pediatría, deixando sen cubrir o servizo de maneira alterna, mentres que o novo pediatra incorporado ao Centro de Saúde de Arteixo ten que compartir sala e alternar consulta cun médico de familia como consecuencia de non haber dispoñible ningunha sala, cando podería estar pasando consulta no Centro de Saúde de Vilarrodís onde hai salas libres e mesmo algunha xa está habilitada para o servizo de pediatría.
Isto contribuiría a desconxestionar o servizo en Arteixo e a mellorar o de Vilarrodís, que actualmente só conta con un día á semana con atención de pediatría.
Ademáis, o PAC de Arteixo segue sen contar cun/ha pediatra que cubra este servizo en horario de urxencias, provocando isto que os nenos e nenas comprendidos en idade de 0 a 14 anos teñan que ser atendidos por un/unha médico/a de medicina xeral en vez de por un/unha médico/a especialista en pediatría ou, que na maioría dos casos, teñen que ser derivados ao Materno Infantil da Coruña, o que contribúe a que o este hospital estea frecuentemente colapsado.