Alternativa dos Veciños de Arteixo critica o abandono de Suevos fronte ao impulso industrial

ACoruñaXa
A concelleira Martínez Canosa esixe que o Concello priorice a legalización do núcleo habitado
Vista+de+Arteixo
24 May 2025

A concelleira de Alternativa dos Veciños en Arteixo, Noelia Martínez Canosa, lanza unha crítica directa ao Goberno local pola falta de avances na legalización do núcleo de Suevos, mentres, segundo denuncia, “as fábricas do entorno xa están regularizadas e mesmo se proxectan novas instalacións industriais”.

Martínez lembra que desde o ano 2012 a Asociación Veciñal San Pancracio leva traballando para conseguir que o núcleo pase dunha situación de alegalidade á legalidade urbanística. A situación, di, levaba aparellada ameazas de derrubo e multas coercitivas para os veciños, polo que se iniciou unha tramitación aproveitando os cambios lexislativos da Lei de Costas de 2013. A veciñanza reuniuse en múltiples ocasións co goberno municipal e contratou asesoramento técnico, pero os resultados non chegaron.

“Mentres legalizábanse fábricas coma Sarval ou o polígono de Mafriesa, os veciños seguen recibindo sancións e incluso tiveron que tirar vivendas, como pasou en 2015 e de novo en 2023 cunha casa de madeira”, apunta a concelleira.

A edil critica especialmente que en outubro de 2024 se anunciase que a Xunta dera o visto bo para a legalización de cinco núcleos costeiros, entre eles Suevos, pero “en 2025 seguimos peor ca en 2012, con menos vivendas e máis veciñanza afectada”.

Alternativa dos Veciños ve nesta inacción unha posible relación coa expansión de novos proxectos industriais na zona: “Preguntámonos se esta demora non está vinculada ao feito de que resulta máis fácil instalar novos proxectos industriais cando a poboación está en situación de alegalidade e non pode defender os seus dereitos”.

Martínez Canosa esixe que o Concello priorice a legalización do núcleo habitado e remate cunha discriminación que, di, “favorece aos intereses industriais fronte aos dereitos da veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.16168189048767