Alternativa dos Veciños carga contra os plans do goberno de Culleredo cos terreos da Cros

Alternativa dos Veciños de Culleredo manifesta a súa total oposición aos movementos do goberno municipal en relación cos terreos e naves da antiga Cros. A formación considera que os plans actuais pretenden “regalar” este patrimonio público baixo promesas infundadas e sen garantir o interese xeral da veciñanza.
Desde Alternativa desvincúlanse da proposta presentada polo BNG de Culleredo, que suxire a creación dun gran complexo cultural metropolitano nos terreos da Cross, coa participación dos concellos de Cambre e Oleiros. Para a agrupación liderada por Ángel García Seoane, esa proposta non é viable, especialmente pola inclusión de Oleiros: “O BNG de Culleredo debeu informarse ben antes de incluír ao Concello de Oleiros na proposta mencionada xa que no municipio antedito existen 8 bibliotecas, varios edificios administrativos e estase a construír un gran multiusos en Bastiagueiro”.
Alternativa lembra que os terreos da Cros son de titularidade pública e representan unha oportunidade única para dotar ao municipio de infraestruturas culturais, deportivas e sociais largamente demandadas. “Os edificios da Cros e os terreos lindeiros fanlle falta a Culleredo para dotar á veciñanza das diferentes necesidades culturais, deportivas, sociais e de lecer das que carece e que leva o goberno municipal prometendo ao longo destes 40 anos”, denuncian.
A formación tamén advirte contra a idea de transformar os terreos para usos comerciais ou empresariais. “O patrimonio dos veciños non se lle pode regalar a ninguén, vestíndoo de promesas de emprego que nunca serán unha realidade”, critican, apuntando que xa existen polígonos específicos para ese tipo de desenvolvemento.
Como alternativa, propoñen que se valore a construción de vivenda pública en réxime de alugueiro como forma de manter a titularidade municipal e ofrecer un servizo esencial á cidadanía. Tamén sinalan a falta de planificación urbanística do municipio como unha traba crítica: “O Concello de Culleredo non ten plan de urbanismo e por tanto non pode alterar as cesións urbanísticas de anteriores plans parciais que fixaban as cesións públicas para servizos sociais, culturais, deportivos etc.”.
Acusan ao goberno local de tentar xustificar o cambio de uso dos terreos afirmando que están obsoletos, cando “o único que está obsoleto é o Plan Xeral de Culleredo que non existe, a pesar de aprobarse a súa tramitación no 2008 e 17 anos despois segue metido nun caixón”.
Finalmente, Alternativa dos Veciños anunciou que presentará recursos técnicos e xurídicos para impedir o que cualifican de “ilegalidade” e instan á Xunta de Galicia a actuar: “Sería bo tamén que a Xunta de Galicia, en lugar de avalar o negocio que se pretende, efectuara un informe xurídico urbanístico e un informe sobre o patrimonio cultural e industrial das naves consideradas e catalogadas como Ben de Interese Cultural”.
A PROPOSTA DO BNG
O Bloque Nacionalista Galego levará ao próximo Pleno de Culleredo a proposta de iniciar contactos cos Concellos de Cambre e Oleiros co obxectivo de concretar, mediante convenio, os termos para solicitar fondos europeos que financien un proxecto conxunto baseado no presentado en 2012: o Centro Cultural Fábrica da Cros. Este proxecto incluía un auditorio, biblioteca, espazos administrativos e servizos públicos, co obxectivo de compartilo en espazos e tempos entre os tres municipios.
O BNG defende que “o edificio da Cros é unha xoia arquitectónica, incorporada ao patrimonio público municipal como cesión obrigatoria pola construción de centos de vivendas na súa contorna”, e que xa está a albergar unha escola infantil e un centro de día, froito da cooperación institucional durante o tempo do bipartito na Xunta.
A formación nacionalista insiste en que este tipo de proxectos “dan servizo a milleiros de persoas dunha área densamente poboada” e poden “repercutir positivamente no conxunto da comarca da Coruña”, polo que solicitan tamén o compromiso da Xunta para completar os usos proxectados orixinalmente. O BNG considera que é “un proxecto exemplar que podería ter os seus homólogos por todo o país” e que responde á “vocación metropolitana que debería presidir moitas máis iniciativas”.