Alternativa dos Veciños apoiará para sacar a Cambre da parálise, pero non entrará no Goberno

Alternativa dos Veciños de Cambre expresou a súa disposición a participar na Xunta de Goberno local de Cambre, sempre que así o considere a alcaldesa tras a reunión mantida cos dous concelleiros da formación. Aínda así, deixan claro que non formarán parte do Executivo municipal, aínda que colaborarán con todas aquelas medidas que axuden a superar a “gravísima situación” que, segundo denuncian, padece o Concello.
Desde Alternativa sinalan que “non se pode seguir paralizando o Concello porque as consecuencias sófrenas, de primeira man, os veciños e veciñas”, polo que instan a adoptar solucións inmediatas para reverter a situación actual.
Entre as prioridades que a formación considera urxentes están os pagos pendentes a empresas afectadas por supostas irregularidades do anterior goberno, así como saldar as débedas con diversas entidades cidadás que aínda non percibiron as subvencións comprometidas.
Alternativa dos Veciños critica con dureza a xestión realizada polos anteriores gobernos locais, tanto no bipartito (UxC e PSOE) como no tripartito (UxC, PSOE e BNG). Acúsanos de levar a Cambre a unha situación de “paralización administrativa total” cunha “gravísima repercusión para a veciñanza”, provocada por deficiencias na contratación de obras e servizos básicos e por unha “pésima xestión económica en xeral”.
A pesar de non integrarse no Goberno, Alternativa afirma que manterá “unha postura proactiva para reiniciar a vida municipal”, comprometéndose a apoiar as medidas necesarias para que “Cambre volva ser un concello do que sentirnos orgullosas e orgullosos”.