Alternativa dos Veciños anuncia a renuncia de Jaime Rumbo e a súa substitución por Igor Pérez

ACoruñaXa
A súa saída prodúcese por motivos de saúde e levaba dez anos como membro da corporación municipal
rumbo-oleiros
28 Jul 2025

O concelleiro delegado de Servizos de Oleiros, Jaime Rumbo, presentou a súa renuncia por razóns de saúde que afectan á súa mobilidade, segundo informou Alternativa dos Veciños. A súa saída marca o final dunha etapa de dez anos como membro da corporación municipal, tras ser elixido nas listas da Alternativa pola parroquia de Iñás no ano 2015.

A pesar de abandonar a política activa, Rumbo continuará vencellado ao proxecto político que sempre defendeu. “Seguirá apoiando á Alternativa como fixo sempre”, subliñan desde a formación. O alcalde, Ángel García Seoane, agradeceu a súa dedicación tanto ao traballo institucional como ao compromiso coa veciñanza: “Puxo toda a súa forza tanto para dinamizar e facer política na súa parroquia como para contribuír á profunda transformación de Oleiros nun territorio distinto e singular”.

A súa vacante será ocupada por Igor Pérez López, persoa “cunha enorme capacidade de traballo e forte arraigo en ambientes artísticos”, segundo destaca a Alternativa. Veciño implicado no tecido cultural e musical do municipio, tamén conta cunha “destacada traxectoria no movemento veciñal”.

Antes de oficializar o relevo, a formación celebrou unha asemblea en Iñás para informar ás persoas integrantes da Comisión de Seguimento da localidade tanto do cambio como dos motivos da renuncia. Jaime Rumbo ocupaba o número 10 da candidatura e foi elixido pola veciñanza da súa parroquia, seguindo o modelo participativo da Alternativa dos Veciños.

 

⚙ Configurar cookies
0.21119523048401