Alternativa de Carral pide aclaracións pola asunción de funcións sen delegación oficial

O grupo municipal Alternativa dos Veciños presentou por rexistro unha petición dirixida ao alcalde e á secretaria municipal solicitando un informe sobre a actuación de varios concelleiros. Segundo expón a propia formación, detectáronse actuacións que corresponderían a funcións de Goberno sen que existise unha delegación expresa acreditada mediante decreto da Alcaldía, tal e como exixe a normativa vixente.
Alternativa lembra que xa trasladara estas sospeitas no pleno do 10 de setembro, no que se advertiu sobre a asunción de competencias por parte dun edil que cambiara de grupo, e subliña que, en calquera caso, ningunha persoa concelleira debería exercer responsabilidades executivas sen a formalización administrativa correspondente. A formación municipal apunta que, á vista das actuacións observadas, algúns edís desenvolven funcións como representación do Concello en actos públicos, participación en consellos escolares e reunións da ANPA, presenza en actos de inicio de tempadas deportivas, xestión directa con técnicos e persoal municipal e organización de actos culturais, incluída a apertura de locais.
Desde Alternativa dos Veciños reclaman transparencia e que se restabeleza o marco legal de funcionamento do Concello, solicitando explicacións públicas e medidas que eviten situacións de inseguridade xurídica no exercicio das funcións públicas. A formación indica que manterá a supervisión da actuación do Goberno municipal para garantir o cumprimento da legalidade e a protección dos intereses da veciñanza.