Alternativa de Carral pide aclaracións legais pola suposta usurpación de funcións dun concelleiro non adscrito

ACoruñaXa
A formación reclama informes oficiais e o cesamento de prácticas que, segundo afirma, permitirían a Francisco Bello exercer tarefas de goberno sen delegación
CARRAL fernando bello
29 Sep 2025

O grupo municipal Alternativa trasladou á Secretaría e á Alcaldía unha denuncia formal para clarificar o papel do concelleiro non adscrito Francisco Bello Hermida. A formación sostén que o edil estaría a asumir funcións propias do executivo municipal sen contar cunha delegación oficial, polo que solicita a emisión de informes xurídicos e a paralización inmediata de calquera práctica que poida carecer de cobertura legal.

Segundo Alternativa, a cuestión expúxose no pleno celebrado onte e o rexedor non desmentiu os feitos sinalados, chegando a pedir que 'os deixen traballar así'. O grupo considera necesario revisar o marco normativo e lembra que o artigo 73.3.3 da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local limita que os concelleiros non adscritos asuman responsabilidades executivas ou melloras na súa posición política, polo que resulta imprescindible contar con resolucións formais e transparentes.

A formación indica que dispón de indicios de que Bello estaría a manter contactos directos con empresas para cuestións vinculadas a contratación e prestación de servizos, a trasladar indicacións a persoal técnico e a empregar de xeito continuado un despacho no primeiro andar do Concello para reunións e coordinación de asuntos de varias áreas. Alternativa subliña que todas estas circunstancias deben ser verificadas polos informes solicitados, co fin de garantir a seguridade xurídica e o respecto ás competencias de cada órgano.

Alternativa afirma que non pretende interferir na actividade ordinaria do Concello, senón asegurar que a coordinación política e técnica se axuste a procedementos claros e coñecidos por todos os grupos. 'Non imos normalizar prácticas que poidan contravir a legalidade nin o transfuguismo como ferramenta para manter maiorías', apuntan desde a formación, que avanza que quedará á espera das explicacións oficiais para valorar os seguintes pasos, sempre desde a prudencia institucional e esixindo máxima transparencia.

⚙ Configurar cookies
0.13315105438232