Alternativa cuestiona a obra de Domingo Sierra e denuncia que non se axusta ao proxecto aprobado

ACoruñaXa
A formación local de Culleredo asegura que a reurbanización deixa sen actuar o aparcadoiro de terra e presenta sinais de deterioro e reutilización de elementos nunha intervención de 532.241,79 euros
CULLEREDO rua alcalde domingo sierra
25 Feb 2026

Alternativa dos Veciños de Culleredo alerta de que as actuacións executadas na reurbanización da rúa Alcalde Domingo Sierra non se corresponden co proxecto inicial aprobado e presentan, segundo afirma, diversas deficiencias técnicas. A formación sostén que os acabados non están á altura do investimento e non resolven as necesidades da veciñanza.

O proxecto, cun orzamento de 532.241,79 euros, contemplaba a pavimentación de calzada e beirarrúas, a colocación de losetas reforzadas nos accesos a garaxes no tramo entre a glorieta do Olivo e a rúa Condes de Andrade, ademais de mobiliario urbano, arborado, renovación da sinalización e a rehabilitación do firme do aparcadoiro de terra para reorganizar as prazas.

Porén, Alternativa asegura que a execución final ‘dista do previsto’. Entre as eivas que enumera figuran que a zona de estacionamento continúa no mesmo estado, sen intervención no firme; que parte da sinalización instalada amosa indicios de reutilización; e que xa se aprecian deterioros no pavimento das beirarrúas, ademais de afeccións derivadas do asfaltado.

A formación avanzou que trasladará as deficiencias detectadas ao goberno municipal e solicitará información para saber se a obra foi recibida formalmente polo Concello de Culleredo.

0.091052055358887