Alicia Chamorro, campioa do mundo de 'Muay Thai': "Gústame este deporte porque nel vale todo"

ACoruñaXa
A galega Alicia Chamorro leva practicando este deporte de combate orixinario de Tailandia dende fai sete anos, dos cales leva dous competindo
alicia chamorro
11 Feb 2024

Miriam García

Ten soamente quince anos, pero xa acumula varios títulos deportivos no seu palmarés, o último deles o de campioa do mundo Muaythai en Bangkok (Tailandia) este mes de febreiro. A galega Alicia Chamorro (Culleredo, 2008) leva practicando o ‘muay thai’ —deporte de combate orixinario de Tailandia, coñecido como “o arte das oito extremidades” porque se basea no emprego de mans, cóbados, ródellas e pernas— dende fai sete anos, dos cales leva dous metida de cheo no mundo da competición.

Esta rapaza promete un futuro brillante no ‘muay thai’. No pasado mes de decembro xa se coroara como campioa do mundo Muaythai sub-16 en Sorrento (Nápoles). A súa andaina neste deporte comezou un pouco de rebote, pois o seu irmán maior xa o practicaba e cando os seus pais quixeron inscribir ao seu irmán xemelgo, ela tamén lles pediu acudir ás clases: “Decidiron apuntarme para que aprendera a defenderme”.

Alicia adestra todos os días durante un mínimo de dúas horas no ximnasio Iago Barros Fight Club situado no barrio dos Castros en A Coruña. “Gustaríame pasarme a profesional en canto poida e dedicarme máis enserio a este deporte”, engade a cullerdense. Para o seu adestrador, Iago Barros, Alicia é todo un exemplo de constancia e perseveranza. “É unha rapaza moi disciplinada e tamén é moi sacrificada. Con iso e con a súa actitude cara o todo o que fai penso que pode chegar ata onde ela queira”, explica o seu técnico.

Antes de enfocarse completamente no ‘muay thai’, Alicia practicaba patinaxe artística. “Estiven facendo patinaxe dende os 3 anos ata os 14 cando decidín apostar ao completo polo ‘muay’. Sentía que a miña personalidade encaixaba máis con este deporte que sobre rodas. Estaba máis motivaba e con ganas de adestrar e de seguir crecendo. Digamos que víalle máis futuro”, conta a deportista. “Son dous deportes e ambientes completamente diferentes”, engade a loitadora.

Cando lle pregunto que é o que máis lle gusta do ‘muay thai’ non dúbida á hora de responder: “Que é unha disciplina na que todo vale. Non hai unhas regras tan estritas como acontece noutras como, por exemplo, no ‘kickboxing’”. Algo que ela sabe moi ben, pois tamén compite nalgunhas disciplinas de K-1. “No ‘muay thai’ é valido pegar cando se xira, barrer e golpear en calquera parte da perna; en cambio no ‘kickboxing’ non se pode golpear en calquera parte da perna e tampouco mentres se xira. Son diferentes”, explica Alicia. Aínda que como ocorre con todo, tamén hai cousas que non lle gustan deste deporte: “Quizás o que máis aborrezo é ter que facer dieta antes dunha competición. Faise para acadar o peso necesario para poder participar nela”.

Un deporte que lle ven de familia

O seu irmán maior xa non practica ‘muay thai’, mentres que o seu irmán xemelgo a segue a acompañala nas súas andainas polo deporte asiático. Dende a súa primeira competición no campionato de España de Granada no 2022, onde se colgou a súa primeira medalla, ata a actualidade, Alicia non deixou de acumular un bo número de títulos baixo os seus puños. Entre eles, destaca o campionato de España FEKM (Federación Española de Kickboxing e Muaythai), outro campionato de España de la WBC, un cinto de Europa ISCA, outro cinto mediterráneo WBC e unha medalla de prata nos mundiais ISKA. Botando unha ollada cara atrás, recorda con cariño e emoción á súa primeira vez sobre ring no seu primeiro campionato de España: “Estaba tremendo da emoción e chea de ilusión. Cando gañei a medalla sentín un subidón de adrenalina”.

Para o seu adestrador, Iago Barros, o xeito no que adoita comportarse Alicia antes, durante e despois dunha competición é máis que admirable. “O truco está en empezar dende cativa, así cando te chegan as competicións estás preparada porque vas aprendendo a xestionar as túas emocións dende moi pronto e non te atopas con elas por primeira vez de adulto”, explica el. “De mozos somos como esponxas, aprendemos moi rápido. Non nos cuestionamos as cousas que nos di o adestrador porque asumimos que el é o que sabe, en cambio de adultos nos cuestionamos todo, temos medos e dubidas que en realidade non existen, pero as temos coma calquera persoa. É máis fácil educar emocionalmente a un neno que a un adulto”, engade.

Ademais do apoio da súa familia Alicia conta co dos seus amigos e coñecidos: “Normalmente á xente lle sorprende moito que faga este deporte. Nos lles acaba de cadrar que unha rapaza coma min o practique”. Doutra banda, a parte académica xoga un papel moi importante na súa vida, xunto á deportiva, de feito conta Alicia que lle gustaría estudiar unha carreira relacionada co ámbito científico. “Son boa estudante. En época de exames teño que apertar un pouco máis, pero sempre acabo podendo con todo”, explica a loitadora que ademais confesa que nun futuro lle gustaría facer carreira militar no exército para seguir os pasos do seu pai.

De momento non se pode saber nada do que lle deparará o futuro a esta galega, pero o que si podemos afirmar é que a Alicia aínda lle quedan moitas aventuras por vivir sobre os rings de loita ao longo de todo o mundo. “Ela é a que decide ata onde quere chegar eu sempre vou a estar orgulloso dela”, conclúe o Iago Barros.

Alicia Chamorro campiona do mundo

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18314695358276