Alexia Mariño, creadora de contido en redes: "O público galegofalante agradece atopar contido na súa lingua"
Miriam García
Alexia Mariño é unha rapaza de 24 anos da Costa da Morte afincada na cidade da Coruña que crea contidos en galego nas redes socias. Comezou en Tiktok, onde acumula xa 21 mil seguidores, e pouco a pouco estase a introducir en Instagram cos seus contidos. Nos seus vídeos aborda temas de estilo de vida, alimentación sen glute e suxire actividades creativas e plans para facer só ou en compañía. Falamos con ela sobre a súa traxectoria, o mundo do galego nas redes e o que está por vir. Como ela mesma di: "O cambio ao galego foi un punto clave, agora sinto que conecto mellor coa xente e que son máis auténtica".
- Quen é Alexia Mariño?
Pois son unha rapaza dun pobo pequeniño, na Costa da Morte. Mudeime á Coruña por estudos e, tras unha carreira e dous mestrados, sigo aquí por traballo. Actualmente, traballo nunha axencia de publicidade e, no meu tempo libre, gústame moito crear contido para as miñas redes, como Instagram e TikTok.
- Que tipo de contido creas? Cantos anos levas como creadora en redes?
Levo creando contido en TikTok desde que rematei a carreira. En Instagram comecei a facelo este pasado mes de marzo. Agora mesmo o que subo está moi enfocado no lifestyle e vlogs.
Unha das miñas seccións favoritas é a de "Plans bonitos e baratos", onde amoso cousas creativas que podes facer cos amigos sen gastar moito: como pintar cuncas ou facer pezas de barro. Tamén subo contido relacionado coa vida sen glute, como restaurantes ou receitas que vou descubrindo.
- Por que empezaches a gravar contidos para redes sociais?
Estudei comunicación audiovisual, así que o gusto por crear xa viña de antes. Desde pequena soñaba con facer o que facían as youtubers da época. No fondo, todos temos unha maneira de expresarnos, e a miña paixón é editar vídeos e darlle forma a ideas creativas.
Ademais, gústame compartir parte da miña vida e dos meus intereses, e rexistrar eses momentos. Faime moi feliz ter milleiros de vídeos e fotos de cousas que vivín e que non volverán.
- Comezaches en castelán, por que decidiches cambiar ao galego?
Sempre falei galego, pero ao comezar a subir vídeos fíxeno en castelán porque era o idioma no que consumía contido. Non o pensei moito. O cambio ao galego fíxeno por coherencia cos meus valores, era algo que tiña que acontecer.
Ese cambio foi un punto clave. Non só mudei de idioma, tamén fixen da miña conta algo máis persoal e real. A partir de aí comecei a filtrar moito máis as marcas coas que colaboro, apostando por intentar facer colaboracións con produtos locais e artesanais.
- Como é o mundo de TikTok en galego?
É pequeno, a verdade. Non somos moitos os que facemos contido en galego, pero estamos creando unha comunidade. Aínda que non é grande, ten moita forza e está crecendo. O público galegofalante agradece atopar contido na súa lingua, e penso que iso tamén nos motiva a seguir creando.
- Como foi o cambio de producir en castelán ao galego?
En TikTok hai moito máis contido en castelán, pero sorprendeume ver que, ao cambiar ao galego, conecto mellor coa xente. Senten que son máis auténtica. Falar en castelán para min era máis forzado. Oxalá no futuro sexamos máis creadores en galego.
- Tes algunha anécdota que che pasara facendo contido en redes?
Pasáronme cousas curiosas, como que me recoñecesen pola voz. Unha vez foi nun supermercado da miña vila, e a caixeira da caixa de atrás recoñeceume pola voz, cando tiña só tres mil seguidores en Instagram. Sorprendeume moitísimo.
- Como xestionas os comentarios negativos?
Polo momento, e por sorte, non teño moitos comentarios negativos. Adoito recibir máis mensaxes de apoio e cariño, que sempre se agradecen.
- Lémbraste do teu primeiro vídeo? Como cambiou o teu proceso creativo?
O primeiro vídeo foi algo moi espontáneo e caótico. Desde entón, o meu proceso cambiou moito, agora son máis metódica. Planifico os vídeos con antelación e busco novas ideas e formatos. Aínda así, aprendín que non sempre se pode cumprir o plan, e iso está ben. O importante é desfrutar do proceso.
- Como ves o futuro de Alexia Mariño?
A curto prazo, seguirei creando contido porque o desfruto moito. A longo prazo, gustaríame influír positivamente na percepción do galego e animar a máis xente a usalo. Tamén me gustaría explorar proxectos audiovisuais ou iniciativas que promovan a creatividade e a colaboración entre creadores.