Álex Pernas presentará a súa obra 'De entre as tebras' o xoves 29 no teatro As Torres de Santa Cruz
O xoves 29 de febreiro ás 19.00 horas, o escritor Álex Pernas presentará a súa obra 'De entre as tebras' no teatro As Torres de Santa Cruz. Intervirán no acto o propio autor e o escritor Alfonso Ricoy Devesa.
'De entre as tebras' é unha obra de relatos que, partindo dos seres e lugares da mitoloxía de Galicia, amosa o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella. A través de diferentes épocas e viaxando entre o urbano e o rural, fai un percorrido polo territorio galego escoitando, na propia voz de moitas das protagonistas e cos trazos dialectais que as caracterizan; a realidade que hai detrás dos contos de demos, trasnos, espíritos e meigas.
Alex Pernas desenvolve a súa carreira coma enxeñeiro de software. No ámbito cultural formou parte de varias formacións musicais, estando na actualidade na banda de metal Oymyakon. De entre as tebras é o seu terceiro libro, despois da publicación da novela Xarfas e do libro de relatos A Paga.