Álex Fernández arrinca líder en Castela e León tras outro fin de semana brillante no karting

ACoruñaXa
O piloto arteixán, de 7 anos, asinou a pole, unha vitoria e un segundo posto no circuíto de Cabañas Raras e reforza un inicio de tempada no que xa viñera de dominar en As Pontes
ARTEIXO karts
10 Mar 2026

Álex Fernández volveu confirmar o seu gran momento de forma e sitúase como un dos nomes propios do inicio de tempada no karting de base. O mozo piloto de Arteixo saíu líder da primeira proba puntuable do Campionato de Castela e León, disputada en Cabañas Raras, despois de marcar a pole position, gañar a primeira carreira e rematar segundo na seguinte manga, un resultado que lle permitiu pechar a cita na cabeza da clasificación.

O rendemento do arteixán cobra máis valor porque chega apenas un mes despois doutro arranque case perfecto no Campionato Galego. Na cita de As Pontes, Fernández xa deixara pegada na categoría Rookie ao lograr a pole e impoñerse nas dúas carreiras, un precedente que xa apuntaba ao salto competitivo que agora confirmou tamén fóra de Galicia.

A proba leonesa contou ademais coa particularidade de dividir a categoría Rookie en dúas subcategorías por motorización. Nese contexto, Álex Fernández impúxose no grupo Motor 1 e reforzou a súa progresión nun calendario 2026 no que, segundo xa se avanzara ao comezo do curso, compatibiliza o certame galego co campionato de Castela e León para sumar experiencia e rodaxe.

A súa seguinte parada será de novo en Galicia. A Federación Galega de Automobilismo confirmou que a próxima cita do campionato autonómico de karting se disputará finalmente en Outeiro de Rei os días 3, 4 e 5 de abril, despois do cambio de escenario respecto á Madalena. Alí, o piloto arteixán chegará impulsado por un comezo de tempada que o coloca entre as promesas máis destacadas da súa categoría.

0.12443113327026