Alertas amarelas por choiva e vento e aviso laranxa no litoral por temporal costeiro

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) vén de ampliar as alertas meteorolóxicas que afectan á zona noroeste da provincia da Coruña, así como a outros puntos de Galicia, para este xoves 18 de decembro.
En concreto, activarase o nivel amarelo por choivas a partir do mediodía, con previsión de acumulacións de ata 20 litros por metro cadrado nunha hora. Segundo as previsións, este episodio de precipitacións intensas tenderá a remitir a últimas horas da tarde.
Tamén estará vixente o aviso amarelo por vento nas áreas do noroeste e oeste da provincia da Coruña, así como na comarca da Mariña, en Lugo, onde se agardan refachos que poderán alcanzar os 80 quilómetros por hora.
Ademais, mantense activa unha alerta de nivel laranxa por fenómenos costeiros que afecta a todo o litoral galego durante este xoves e mañá venres, e que se prevé que remita na madrugada do sábado 20 de decembro. Agárdase mar combinada do oeste e noroeste con ondas de entre 5 e 7 metros, así como ventos do sur e suroeste de entre 50 e 61 quilómetros por hora, chegando a refachos de 62 a 74 quilómetros por hora nalgúns tramos do litoral da Coruña.
Desde os concellos da zona, como Sada, recoméndase extremar as precaucións nas áreas próximas á costa, evitar achegarse a diques, rochas e paseos marítimos, e seguir en todo momento as indicacións das autoridades. En caso de emerxencia, lembran que se debe chamar ao 112.