Alerta vermella por forte ondada no litoral da provincia da Coruña desde esta noite

A costa da provincia da Coruña entra este mércores en nivel vermello por temporal marítimo. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) activou o aviso de ‘perigo extraordinario’ por fenómenos costeiros no Noroeste e no Oeste coruñés a partir das 21.00 h e ata as 23.59 h, nun tramo horario no que se agarda mar combinada con ondas de entre 8 e 9 metros e vento do noroeste con refachos de ata 61 quilómetros por hora (forza 7).
O episodio de mala mar enmárcase nunha situación de temporal que afecta a toda a costa galega, con avisos tamén por vento e precipitacións. MeteoGalicia recolle para as vindeiras horas un empeoramento do estado do mar e ventos fortes no litoral, con previsión de ondas por riba dos 8 metros en áreas do litoral coruñés e da Costa da Morte, ademais de refachos intensos en distintos puntos da provincia.
Ante este escenario, os servizos de emerxencias e Protección Civil reiteran as recomendacións habituais en temporais costeiros: evitar achegarse a praias, paseos marítimos, diques e espigóns, non permanecer en zonas próximas ao mar e revisar amarres e elementos soltos, especialmente en áreas portuarias. Tamén se pide máxima prudencia nos desprazamentos e estar pendentes das actualizacións oficiais, xa que a evolución do temporal pode obrigar a ampliar ou modificar os avisos.