Alerta por posibles intentos de estafa en comercios do municipio de Sada

O Concello de Sada vén de lanzar un aviso de precaución tras detectarse posibles intentos de estafa en varios establecementos, segundo a información trasladada pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sada (ACESADA).
De acordo co comunicado, unha persoa estaría a presentarse nos comercios como suposto persoal municipal e accede aos locais baixo a escusa de estar a preparar unha suposta revista do Concello. Nesas visitas, solicita información e mesmo realiza fotografías. Ademais, o Concello sinala que semanas atrás houbo constancia dun episodio similar no que un individuo (que podería ser a mesma persoa) se fixo pasar por membro das forzas de seguridade e chegou a pedir diñeiro para unha suposta publicación.
O Concello subliña que esta información é totalmente falsa e recalca que, na actualidade, ninguén da administración local está a elaborar ningunha revista nin a solicitar datos, imaxes ou achegas económicas nos establecementos.
Ante esta situación, o goberno local pide máxima cautela e recomenda que, ante a mínima sospeita, se contacte de inmediato coa Policía Local, que xa ten coñecemento dos feitos.