Alerta polo mal estado da N-634: fochancas, balsas de auga e risco de accidentes ao seu paso por Curtis

ACoruñaXa
O Concello de Curtis anuncia que a Demarcación de Estradas revisará o trazado e fará un informe coas melloras máis urxentes
n-634-curtis
29 Jan 2026

A estrada nacional N-634 volveu ao foco pola súa falta de mantemento. Un grupo de veciños denunciou que a vía está 'intransitable e perigosa' en varios puntos, con fochancas fondas, afundimentos e treitos onde se acumula a auga cando chove, o que provoca danos nos vehículos e aumenta o risco de accidente.

A N-634 é unha das rutas que conecta Santiago coa zona nordés, pasando por Curtis e outros concellos, e gaña aínda máis importancia cando hai problemas na A-8 no alto do Fiouco. Nesas situacións, o tráfico pode acabar desviándose pola nacional, con máis intensidade de circulación e máis vehículos pesados.

No caso de Curtis, os denunciantes describen un firme moi irregular, con socavóns que obrigan a reducir a marcha a menos de 40 km/h. Tamén critican que a actuación máis visible dos últimos meses fose o repintado, sen unha reparación a fondo do pavimento.

O Concello de Curtis, pola súa banda, asegura que xa trasladou de novo a situación ao Estado. Este xoves 29 de xaneiro de 2026 informou de que a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia enviará un equipo técnico para revisar a N-634 ao seu paso polo municipio e valorar actuacións inmediatas. Segundo a comunicación municipal, un técnico xa percorreu a estrada con responsables locais para identificar os puntos máis conflictivos e elaborar un informe coas melloras máis urxentes, á vez que se iniciaron traballos de limpeza de vexetación nas interseccións.

A reclamación vén de longo. O Concello leva anos pedindo unha intervención integral no tramo entre a conexión coa A-6 e a DP-3204, e tamén medidas de seguridade en zonas como Teixeiro (pasos seguros, melloras na rotonda e vías de servizo para evitar que maquinaria agrícola, gando ou peóns teñan que circular pola calzada).

⚙ Configurar cookies
0.082457065582275