Alerta laranxa no noroeste da Coruña para o 22 de outubro por temporal costeiro

A Xunta activará o mércores, 22 de outubro, a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral noroeste da provincia da Coruña. Agárdase mar combinada con ondas que poderán superar os sete metros e ventos de forza 8, chegando puntualmente a forza 9 mar adentro.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación aos concellos e servizos de Protección Civil da zona, así como ás deputacións, clubs náuticos e servizos provinciais, co obxectivo de reforzar a prevención. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva federada no mar desde as 15.00 horas do mércores ata as 09.00 horas do xoves.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa —dique, rompente e paseos marítimos—, extremar as precaucións en calquera actividade mariña e revisar cabos e amarres das embarcacións. Recoméndase tamén consultar a web do CIAE 112 Galicia, que ofrece información meteorolóxica actualizada e ligazóns de interese.