Alerta laranxa no mar por ondas de até 6 metros ao longo da costa coruñesa

ACoruñaXa
O aviso de Aemet afecta ao litoral coruñés, con recomendación de extremar as precaucións en paseos marítimos, portos e areais
Imaxe dun temporal na Coruña
12 Dec 2025

A Axencia Estatal de Meteoroloxía recuperou hoxe, 12 de decembro, a alerta de nivel laranxa por fenómenos costeiros no litoral da provincia da Coruña, con especial incidencia na costa noroeste e oeste, onde se agarda mar combinada do noroeste, principalmente mar de fondo, con ondas de entre 5 e 6 metros desde media mañá e ao longo de boa parte da xornada.

O aviso, que implica risco importante, abrangue todo o tramo exposto ao mar aberto, o que afecta directamente á franxa costeira dos concellos de A Coruña e contorna. Esténdese tamén ás rías e entradas de mar que bañan Cambre, Culleredo e Abegondo. A situación enmárcase no temporal marítimo que mantén en alerta o conxunto do litoral galego, con mar de fondo do noroeste e refachos de vento fortes nas zonas máis expostas.

As recomendacións das autoridades pasan por extremar a prudencia en portos, praias, cantís e paseos marítimos, evitar aproximarse a zonas bateidas polo oleaxe e non acceder a espigóns nin a estruturas próximas ao mar durante os momentos de maior intensidade. Tamén se desaconsella a práctica de deportes náuticos e a navegación de lecer en embarcacións menores mentres se manteña o aviso laranxa.

A Deputación, os concellos costeiros e os servizos de emerxencias manteñen a vixilancia sobre os puntos máis sensibles, como paseos marítimos, portos pesqueiros e deportivos, e zonas de aparcadoiro próximas ao mar.

O episodio chega despois dunha sucesión de borrascas atlánticas que, nas últimas xornadas, xa motivaran avisos de nivel laranxa por mar combinada de 5 a 6 metros en toda a costa coruñesa, nun contexto no que Aemet insiste na necesidade de seguir atentamente a evolución dos avisos oficiais e das recomendacións de Protección Civil.

⚙ Configurar cookies
0.07726788520813