Alerta en Coirós pola presenza de tres cans soltos que xeran medo na veciñanza de Santa María de Ois

ACoruñaXa
O alcalde, Francisco Quintela, reclama á Garda Civil e ás demais autoridades competentes que adopten medidas urxentes ante a situación, que o Concello non pode resolver ao tratarse de animais con propietario
COIROS perros
11 Dec 2025

A parroquia de Santa María de Ois, no municipio de Coirós, vive estes días unha fonda preocupación pola presenza de tres cans soltos, catalogados como de razas potencialmente perigosas, que segundo denuncian os residentes levan tempo xerando medo entre a veciñanza.

O alcalde de Coirós, Francisco Quintela, cualifica a situación de 'inquietante' e subliña que a preocupación 'tanto dos veciños como do propio Concello é grande e plenamente razoábel, dado o potencial risco que representa a presenza destes animais en liberdade'.

Quintela explica que, aínda que o Concello ten competencias para a recollida e acollida de animais vagabundos ou extraviados, neste caso non se trata de cans abandonados. Segundo detalla, cando as entidades protectoras de animais coas que o Concello mantén convenios se desprazan á zona para intervir, os cans refúxianse nunha vivenda do lugar de Xora, o que impide que poidan actuar ao tratarse dunha propiedade privada.

O rexedor lembra que Coirós carece de Policía Local e, polo tanto, non dispón de medios propios para ir máis alá das xestións xa realizadas. Por este motivo, solicita a intervención da Garda Civil, como única forza con competencias para sancionar e, se fose preciso, acceder á propiedade co oportuno mandato xudicial.

Esta situación está a incrementar o malestar no barrio, especialmente entre as persoas que se ven obrigadas a transitar pola zona e temen polos seus animais de compañía ou polos menores. O alcalde apela á Garda Civil e ás demais autoridades con atribucións nesta materia para que adopten canto antes as medidas necesarias que permitan resolver o problema e devolver a tranquilidade á parroquia de Santa María de Ois.

⚙ Configurar cookies
0.080052137374878