ALAS A Coruña: "Sempre estamos enfocados na defensa dos dereitos das persoas pertencentes ao colectivo LGTBI"
Miriam García
Os colectivos e asociacións da cidade da Coruña, ao igual que o fan os cidadáns, márcanse novos propósitos e desexos de cara ao arranque do novo ano e fan un balance de como foi a súa actividade ao longo do 2023. Dende a redacción ACoruñaXa queremos dar voz a tódalas agrupacións que conforman e facilitan a vida dos coruñeses e coruñesas, por iso ao longo destas semanas imos a dedicarlle un espazo a algunhas delas, empezamos fai uns días co sector cultural, un dos máis aprezados nos últimos anos.
Agora, é o turno dunha asociaciónque traballa a prol da inclusión e dos dereitos LGBTI. Pois facer da cidade un lugar inclusivo é un punto moi importante para os cidadáns en materia de igualdade xénero e de dereitos para o colectivo LGBTI. Dende Asociación ALAS A Coruña agardan que o 2024 lles permita chegar a máis xente na cidade e que iso dea máis visibilidade a súa labor en favor das políticas de igualdade das persoas LGBTI. “Organizamos un debate autonómico de cara as eleccións do 18 de febreiro, como fixemos o ano pasado coas municipais. Invitamos aos representantes dos partidos políticos que teñen nos seus programas políticas orientadas cara o colectivo”, conta Óscar Rodríguez, técnico da asociación.
Ademais, atópanse á espera de coñecer a data o xuízo polo asasinato do coruñés Samuel Luíz, acontecido o 3 de xullo de 2021, xa que ALAS é a encargada de exercer a acusación popular. “Hai estaremos, loitando polos dereitos das persoas LGTBI”, afirma Óscar.
Un lugar de opoio e asesoramento
Para eles o 2023 foi un ano “intenso e moi bo”. Sempre enfocados na defensa dos dereitos humanos e dos das persoas pertencentes ao colectivo, por elo dende o ano 2017 xestionan o Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, servizo dedicado á escoita, asesoramento, rexistro e denuncia dos incidentes e delitos de odio. Ademais, entre outros, xestionan o servizo ‘De igual a igual’, co que dedican á prevención de enfermidades de transmisión sexual e ao coidado da saúde: “Ofrecemos realizar gratuitamente as probas de saliva do VIH e da hepatite de xeito confidencial”.
Ademais, dende a ALAS apostan pola formación da cidadanía en materia de diversidade afectiva, sexual e de xénero orientada tanto a colexios de educación primaria e de secundaria como a centros de Formación Profesional e Universidades. “Ademais as empresas empezan a interesarse por estás formación e a aplicar os requisitos que esixe a lei dos planes de diversidade”, apunta o técnico.
Doutra banda, encárganse ano tras ano de redactar o Manifesto do Orgullo LGTBI na Coruña. “Tamén pedimos os permisos e organizamos a manifestación do orgullo da cidade e organizamos actividades dentro da programación do mes de xullo, o ano pasado organizamos catorce”, explica Óscar.