ALAS A Coruña convoca á cidadanía a manifestarse no Orgullo LGTBI+

A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña chama á mobilización cidadá con motivo do Orgullo LGTBI+, que este ano se celebrará o sábado 28 de xuño. A manifestación arrancará ás 19.30 horas desde a praza de Ourense e rematará na praza de María Pita, onde terá lugar a lectura do manifesto.
Baixo o lema “20 anos avanzando en dereitos: Alén das grandes cidades”, a convocatoria quere lembrar as dúas décadas transcorridas desde a aprobación do matrimonio igualitario en España, ao tempo que pon o foco na realidade das persoas LGTBI+ que viven fóra das grandes urbes, en contornos rurais, vilas e cidades medianas. Unha realidade que, segundo a organización, continúa demandando avances reais en dereitos e visibilidade.
Desde ALAS A Coruña subliñan que a mobilización é ao mesmo tempo un motivo de celebración e un acto reivindicativo fronte aos desafíos actuais. A entidade anima a toda a sociedade, persoas a título individual, colectivos e entidades a saíren á rúa para “encher A Coruña de orgullo, diversidade e reivindicación”.
A presidenta da asociación, Ana G. Fernández, lembra a importancia de continuar visibilizando a diversidade en todos os ámbitos: “Levamos 15 anos traballando en Galicia pola igualdade e os dereitos das persoas LGTBI+. Coa nosa presenza demostramos que o activismo desde o local tamén transforma realidades. Pero non podemos facelo soas: precisamos que as institucións públicas se impliquen activamente e poñan en marcha políticas públicas firmes, que se manteñan no tempo e que melloren a vida das persoas do colectivo.”
Desde a organización insisten en que o Orgullo segue a ser un acto político vixente e necesario, especialmente “nun momento no que os discursos de odio e os retrocesos lexislativos son unha realidade en países veciños como Hungría ou Bulgaria, pero tamén en lugares moito máis próximos como Valencia”.
Con esta manifestación, A Coruña volve erguer a voz en defensa dunha sociedade diversa, libre e igualitaria, facendo un chamamento claro a non dar nin un paso atrás en materia de dereitos e liberdade.