Alana, o grupo que busca "transmitir a parte máis humana da nosa tradición" coa música
Antía Vázquez, de Oleiros; Eloy Vidal, de Corme; e Pablo Castro, de Vimianzo, forman Alana, un grupo musical galego que busca recuperar a tradición e a cultura galega e levala a un nivel pop e electrónico. Gañadores do premio na categoría de música do programa Xuventude Crea 2023, veñen de publicar o seu primeiro disco completo ‘O xeito á cántigha’ e adiantan que este verán se darán diferentes actuacións por Galicia. “Sen a cultura galega, o noso grupo non existiría. É a base de todo”, sinala Antía.
- Como naceu Alana?
Naceu o verán pasado de xeito casual. Eloy e máis eu (Antía) coincidimos nun concerto e despois de que me vira actuar, falamos e decidimos que podíamos intentar facer unha canción xuntos. Así naceu 'Foliada de Negreira', unha das nosas primeiras pezas. Máis adiante chegaría 'Liñares', que é un tema moi especial para min, e a partir de aí seguimos facendo máis cousas ata que falamos con Pablo para que se unise a nós como o percurionista de Alana.
- Por que ese nome?
Alana é unha palabra que ven do celta e que significa harmonía. A escollemos porque fai referencia ao que buscábamos conseguir como grupo que é acadar a harmonía entre a música tradicional galega e un estilo máis contemporáneo con elementos pop e electrónicos.
- Cales foron os vosos inicios no mundo da música?
A verdade é que son moi variados. Pablo ven da música tradicional como min, que estivemos sempre ligados a asociacións culturais das nosas zonas. De feito, el é director musical da Asociación Trubisquiña en Vimianzo. Eloy, non ven do tradicional galego, pero sempre estivo ligado á música porque é técnico de son e tivo un grupo de pop. Eu, comecei con catro anos nunha asociación pequena en Culleredo e na actualidade, son subprofesora na Asociación Santaia de Santa Cruz e formo parte do colectivo Pandereteiras sen Fronteiras.
- Como é o estilo musical de Alana?
Relacionándoo co noso nome buscamos acadar unha harmonía melódica. Traballamos con recollidas de cancións que nos transmiten as señoras e señores de diferentes comarcas galegas e que nos nutren. Tamén, bebemos moito de outros artistas galegos que marcaron o camiño e á hora de producir, Eloy nútrese doutras artistas a nivel mundial como Harry Styles e Lil Na X.
- Que rol tendes cada un no grupo?
Eu encárgome de facer as voces e a percusión con pandeireta, pandeira e pandeiros. Pablo leva un set de percusión con bombo, tambores, pandeiro, lata e gaita. E Eloy leva a voz, encárgase da produción musical e, en directo, toca guitarra e teclado.
- O novembro pasado conseguichedes o primeiro premio Xuventude Crea 2023. Como estades a vivir o despegue da vosa carreira musical?
A verdade é que apuntámonos ao concurso no último día porque nos falou unha rapaza da organización e non sabiamos da existencia del. Fomos alí e, de sorpresa, levamos o premio. Ao final, iso dáche moita visibilidade a nivel de administración e de facerte ver. A partir de aí, saíronnos un montón de actuacións e de proxectos pequenos. Creo que nos deu un plus para poder seguir crecendo e ter visibilidade.
- Fálanos do voso proceso creativo
Nós non creamos nunca as letras. Empezamos a traballar a partir dunha recollida dalgún grupo de señoras ou de señores tradicionais. Normalmente encárgome eu desa parte de escoitar, non busco nada en concreto, soamente que me transmitan algo e que me chamen a atención. Despois poñémolo en común e vemos se a Eloy, que é o que produce, lle sae algo. A partir de aí creamos pouquiño a pouco e Pablo ponlle o broche final coa percusión.
- Que valor ten cultura e a tradición galega para vos?
É a base de todo; sen a cultura galega, o noso grupo non existiría. Nós creamos todo a partir desas voces existentes; sen elas, non habería nada. A partir desas recollidas, comezamos a facer unha canción. Buscamos unha melodía que nos guste e que nos resulte curiosa, e a partir de aí, comezamos a crear.
- Acabades de sacar o voso álbum ‘O xeito á cántigha’. Que buscades expresar a través del?
Intentábamos poñer o foco de atención en todas as cousas que non son música estritamente, quero dicir, cando escoitas unha recollida a señora fala e te transmite algo, e escoitas por detrás a outra señora que di: “non, iso non era así” ou “si, iso era así”. Hai moitas máis cousas que non son música, que son esas mulleres en si mesmas, o que nos transmiten, o que son e o que foron. Buscabamos facer referencia a esa parte máis humana e non tan musical.
- Cando foi a voa primeira actuación?
Foi nos Xogos Florais en Betanzos organizados polo Proxecto Pesquedellas. Confiaron moito en nós cando estabamos empezando. Ao ser a primeira vez que actuabamos fronte ao público xuntos, tiñamos moitos nervios e moita ilusión. Foi un concerto moi emotivo, vímonos moi arroupados e apoiados pola nosa xente. Foi un día cheo de moi boas vibras e o recibimento do público estivo moi ben, houbo tamén críticas construtivas que nos axudaron seguir traballando e a corrixir cousas.
- Como vedes o voso futuro na música?
Os tres estamos moi ilusionados. Seguimos traballando e pensando en novas ideas. De feito, xa estamos argallando o seguinte que imos facer. Queremos seguir mellorando e crecendo, pero sobre todo seguir facendo o que nos gusta e continuar fieis a nosa identidade.