Al Bano e Romina Power e Il Divo encabezan o novo ciclo musical 'Son do Nordés'

ACoruñaXa
Unha cita no parque de Santa Margarida que nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia musical única ao aire libre
il-divo-corunha
9 Apr 2025

O parque de Santa Margarida converterase no epicentro musical da Coruña no mes de xullo co lanzamento do ciclo 'Son do Nordés', unha nova proposta cultural ao aire libre que conta co respaldo do Concello e coa que se busca consolidar á cidade como referente musical do noroeste peninsular.

O auditorio deste emblemático espazo natural, recentemente recuperado polo Goberno municipal de Inés Rey para acoller eventos culturais de gran formato, acollerá artistas de renome internacional. As primeiras datas confirmadas do ciclo son o 18 de xullo, coa actuación do icónico dúo italiano Al Bano e Romina Power, e o 19 de xullo, coa presenza de Il Divo, que celebrará en directo os seus 20 anos de carreira cun concerto que repasará os seus éxitos máis destacados.

Segundo explicou o concelleiro Gonzalo Castro, “desde o Concello buscamos manter á Coruña como a gran potencia cultural e musical do noroeste grazas a unha programación adaptada a todos os públicos e á posta en valor dos nosos espazos máis singulares, como é o caso do parque de Santa Margarida”.

'Son do Nordés' nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia musical única ao aire libre, combinando voces internacionais e ambientes naturais privilexiados. A actuación de Al Bano e Romina será unha oportunidade para revivir grandes clásicos da música italiana como Felicità ou Ci sarà, mentres que Il Divo volverá á cidade tras o seu último concerto no Coliseum no 2021, nesta ocasión dentro da súa xira de aniversario.

O Concello avanzará nas próximas semanas novas confirmacións que completarán o cartel dun ciclo que aspira a consolidarse como unha das grandes citas do verán musical galego.

⚙ Configurar cookies
0.15768384933472